Se ha producido un error en este gadget.

sábado, 21 de enero de 2012

HISTORIA NUN MAIL

Pois moi ben David, alégrome sinceramente de que foras ti o David que eu pensaba. Son eu moito de corazonadas, non me fallan. É coma a vez que perdín o teléfono dun amigo co que quedara para saír e cun só apelido atopeino na guía telefónica dunha cidade. É raro, nonsi? Aínda que pouco me contas de ti, deduzo que estás ben. Segues traballando na túa especialidade? Eu direiche que din bastantes voltas neste tempo. Taballei no meu e noutras ocupacións ben diferentes, viaxei moito para vivir en diferentes lugares. Nunca me faltou traballo que no tempo de hoxe xa é dicir. Bueno, como non sei exactamente onde vives, ao mellor aí non hai ese problema.
Polo que vin no teu perfil, segues mantendo varias das aficción que compartiamos. Eu ampliei algunhas pero non abandonei aquelas coas que tanto temos disfrutado.
Por certo que me sorprendeu un pouco que ao comezo non lembraras moi ben quen era Sara López
para logo darlle tanta vividez a algúns detalles que mencionas. Eu non esquecín nada pero prefiro non facer comentarios que puideran ser molestos porque supoño que terás a túa familia e non é cousa de que eu irrumpa na túa vida coma unha pantasma que reaparece sen saber moi ben de onde.
De todos modos tampouco tería inconvinte pola miña parte, en tomar contacto coa túa muller e fillos que supoño terás. Incluso me gustaría se me enviases algunha foto deles, igual teñén algunha semellanza coas ilusións que noutrora nós pintabamos frente ao mar nos solpores ou en calquera outro lugar que nos atopasemos. Soñar non custaba nada e o tempo era todo noso ¡¡¡¡
Non me parecería estrano que non responderas a este mail, xa sabemos que seguimos danzando coa vida, que é a mellor compañeira, e que estamos os dous ben.
Repítoche que me aleda moito saber de ti. Eu seguirei sen esquecerte aínda que non teñamos comunicación escrita.
Unha gran aperta de
Sara López” 21 - 1 - 12


*********************************************************************************



Non sei de que te sorprendes Sara... Despois de trinta anos apareces camiñando outra vez cara min polos camiños invisibles desta rede na que nos movemos sen nos ver, na que existimos sen estar... Non sei por que te estrañas que non lembrara o teu nome e que en troques teña tan vívidos algúns recordos . A memoria é coma unha arañeira, atrapa momentos, caras, lugares... E esquece nomes, palabras... Non é un camiño continuo, máis ben un bosque con visibilidade irregular...
Ademais non me interesa despexar as follas que tapan o pasado que con tanto traballo acadei soterrar. Non creo que servira de nada volver cara atrás... A vida non sempre é a mellor compañeira coma ti dis. Para min foino ás veces. Quizais foino para os dous naquel tempo, en que como moi ben dis, soñar non custaba nada, pero cando os soños escachan é difícil recoller os anacos para volver a reconstruír os días. Entón a vida cobra un interese moi alto por devolverche os folgos e ti sabes que cando decidiches marchar eu quedei abafado. Dicías que me amabas , pero o amor que sentías impedíache ser libre; aínda hoxe non cheguei a comprender por que... Gustabas da miña paixón , pero atábante os meus brazos... Querías voar soia... E eu abrín as mans e deichei que marcharas... Xa ves que a memoria vai reconstruíndo os camiños. Os teus mails foron rellas de arado que labraron sucos na miña conciencia durmida. Si, lembro a túa cara, lembro a suavidade da túa pel, podo escoitar o timbre da túa voz, pero desaprendín o teu nome, borreino porque esas catro letras rabuñábanme os adentros. Recordas aquela canción, que escoitabamos no vello tocadiscos...? “Llevo tu nombre tatuado en las caricias de mi piel” pois eu quíxeno arrincar. Xa non había unha Sara na miña vida. E busquei outras caras e biquei outros labios e enguedelleime noutros corpos e pronunciei outros nomes para esquecer o teu.
Fuches a primeira muller que amei , pero xa non tes nome... Aínda que ti podes seguir dicindo que es Sara López.



David 23- 1 - 12



4 comentarios:

  1. Por que que me cambiaches o nome....? non era Sara....???? Uffff , que me lías.....Pobre do David ... custoulle lembrar o nome de Sara e agora Laura????????????

    ResponderEliminar
  2. Si ho, si, perdoa, ás veces teño lagoas mentais, mira cando cho vou descubrir ....

    ResponderEliminar
  3. Buuuaaaaaa!!!! "Sara". (Sara ou Laura ou "sen nome"...?) Sinto que nos discriminan ...Eu e máis e ti espindo as nosas vidas en PATIODERECREO, inventando un novo xénero literario : "O mail por entregas", última novidade das Letras do Século XXI e a ningúén lle importa.
    Buaaaaa.... !!!!!!
    "David"

    ResponderEliminar
  4. Non te preocupes cariño, non escribimos para que nos mire ninguén, senón para divertirnos nós
    e aclararmos tantas cousas como temos pendiente.
    Vou tardar algo en contestarche poque neste último mail deixáchesme moi cabreada, cariño.

    ResponderEliminar