jueves, 9 de mayo de 2013

Os días


"Colecciono días de espuma..."


Falamos tanto do futuro que esquecemos o presente. A vida é o que pasa mentres ti pasas. As previsións económicas, os plans estruturais a longo prazo, os proxectos, son menos importantes que os días. Eu colecciono días de tango e nubes con sol. Teño días onde escribo poemas e outros nos que son os poemas os que me escriben a min, paseándome entre as ruínas dunha noite, un gato, a pedra vella do meu Verín esculpido con pentagramas de fronteira e frío. Teño días de azul, outros en rosa, e algúns días grises que non quero escribir por non traizoar a quen le esta columna. Os días veñen e van, acaban e recomezan con ilusións renovadas. Hai días enfermos, pero sobre eles debemos levantar a voz da esperanza. Eses días de púas, sabes, en que só pides un quérote e caen por riba de ti mil silencios. Colecciono días de espuma, cando saía o sol e aplaudía como se fose un milagre. O ser humano é un milagre constante. O latexar do corazón, sístole e diástole exactas. Vives, non permitas que rouben os días. Son teus. Podes dixerilos con gume de tristeza ou, en cambio, facer deles un concerto de grilos canarios xílgaros barítonos. Abrázate aos días, agora que crecen. Respira. Abre a boca, pero abre tamén o corazón. Que non te arruínen os que falen en clave de do (de dor, quero dicir). Que non pisen as túas ilusións. Pecha os ollos agora. Agora mesmo, ao rematar esta columna como cada xoves. Pensa nela, nel. En todos os bicos dados, pero tamén en todos os que quedan por dar. Se cres que as cousas poden ir a mellor, estás no lugar exacto: este recanto de periódico. Veñen días felices. Verás. Verás. Verás.

Artigo de Xosé Carlos Caneiro publicado na Voz de Galicia                                                   (Foto propia)

6 comentarios:

  1. Que ben escrito, que sensibilidade, sinxeleza e estimulante.
    Grazas por compartilo

    ResponderEliminar
  2. Para min e un pracer compartilo porque e unha gozada lelo e sentilo . Ademais soa a realidade vista dende a outra cara do cristal, a mais intima, a de cada un dos nosos dias... Dias azuis, rosas, grises, dias enfermos, dias de puas, dias de espuma....

    Vou pechar os ollos e pensar nos bico que me quedan por dar, nas apertas que me quedan por recibir...Nos soños aue non me poderan roubar....

    ResponderEliminar
  3. Poño por diante que é un artigo !fermosisimo! Que a vida é un miragre , a cal me agarro con unllas e dentes e bla, bla bla....
    pero a frase "falamos tanto do futuro que esquecemos o presente..."non parece moi afortunada dado a que está caendo xusto no máis preciado da vida : a nosa xuventude.
    Non considero días roubados os dias de loita , nin os dias que a dor nos rompe.!TODO FORMA PARTE DA VIDA! Eu non quero renunciar a nada.
    Quizais só ó gris.

    ResponderEliminar
  4. Estou de acordo contigo en que todos os dias forman parte da nosa vida ,do que somos, pero creo que no artigo, e na frase que ti citas, non se di en ningun momento que esquezamos o que fumos,incluso creo que esta a incluir os dias malos xa pasados "dias enfermos... dia s de puas" O que creo que ven a dicir e que debemos de deixar de agobiarnos tanto polo futuro e vivir o presente que en realidade xunto co pasado e o unico seguro nas nosaa vidas

    ResponderEliminar
  5. ! Xa miña amiga se non fose que o futuro seméntase no presente !
    Ou quizais non...!que sei eu!
    Nembargantes o artigo é precioso e comparto totalmente o fondo.

    ResponderEliminar
  6. Por iso e importante vivir o presente con plenitude sen permitir que nolo rouben. Se deixamos que nos rouben o presente estamos hipotecando o noso futuro.
    Por iso e tan importante cada dia, cada hora, cada segundo...

    ResponderEliminar