Se ha producido un error en este gadget.

jueves, 15 de agosto de 2013

O mundo


Contan que en Colombia, como nun conto de Márquez, un home recolle libros nos cubos do lixo. A súa muller restáuraos no que chaman o Hospital das Letras. É unha fermosa metáfora. Na actualidade os libros valen menos do que valían. Cada vez que se vulnera un libro (decoroso, obviamente), vulnérase o ser humano. Os libros non se len como merecen: docemente. Négome a enclaustrar os meus libros nun aparello frío aséptico metálico con batería incorporada. Négome a ler sen lapis, e que os libros non teñan o recendo do papel, e que o tacto sexa un sentido inútil: porque pola pel, que é tacto, entran as moléculas invisibles do amor. E insisto no costume perenne: pasear cun libro ou periódico baixo o brazo. Arquitectura feliz. Radiografía dunha sociedade menos cateta (televisivo Campamento de verano con idiotez incorporada). Reivindico a necesidade de que os libros regresen ás rúas, parques de xílgaros e magnolios musculosos. Reclamo dos cómplices desta columna que fagan o mesmo. Un acto de rebeldía contra este presente infausto. Organicémonos sen organizar nada. Manifestémonos sen manifestación nin pancarta. Levemos libros, leamos libros, amemos os libros e xornais como se fosen parte do corazón. Son parte do noso corazón. Sen follas láminas folios impresos páxinas tinta, o mundo sería peor. Levanto a miña voz a favor do papel, gritando. Podemos substituír case todo coa electrónica, tan fría aséptica metálica. Menos o interior: alma por alma. Os libros e periódicos, pese a tanto, son imprescindibles (absolutamente). Galicia tamén precisa un Hospital das Letras. O noso mundo será mellor.

Artigo de Xosé Carlos Caneiro publicado na Voz de Galicia                    (Foto propia)

2 comentarios:

  1. Bonito e romántico canto ao libro de papel, ao seu tacto e olor ....
    Pero ás veces os cartos e os espacios fan cometer traicións, coma esta mesma.

    ResponderEliminar
  2. Supoño que no mundo no que vivimos teran que convivir o papel e a electronica. Pero eu nunca renunciarei ao recendo das follas dun libro recente impreso, ao seu tacto, a escribir na marxe da suas paxinas. E pateceme moi boaidea o do Hospital das Letras.

    ResponderEliminar