Se ha producido un error en este gadget.

lunes, 12 de mayo de 2014


Quizá encontres o amor da túa vida. Triunfa, por fin. A felicidade nunha estación con vistas ao mar duns ollos negros, marróns, verdes, azuis Celta. Abrazos no cuarto da risa do pasado. Quizá encontres en calquera ceo, o ceo. E os infernos sexan alucinación. Se casualmente dás co amor, a felicidade, os abrazos, non deixes de escribirme. Comunícate comigo. Precisamos sumar ilusión esta primavera. Facérmonos adictos ás boas noticias. Desterrar o desconsolo, desengano, aflición e tormento. Encerrar a decepción. Se casualmente encontras unha voz que ilumine, e unha luz que escriba sonatas de xílgaros pía piando, e uns versos debuxados con carmín nas aristas da lúa, avísame. En ocasións penso que buscamos demasiado, corremos demasiado, que perdemos unha parte da vida na procura de soños que non chegan. Deixa de buscar, procurar, correr. Espera sen esperar nada a cambio. Entrégate. Pensa nos outros. Se casualmente tocas o sol e non queima, comparte a calor: o mundo está pasando tanto frío. Se casualmente chegas ao paraíso, guasapéame (a min, que non teño guasap). Cóntame como é o edén: crema, chocolate, algodón, licorcafé. Dime que si, que existe un lugar onde a xente non sofre padece resígnase soporta. Onde a enfermidade é mentira: falaz zozobra, angustia, temor. Onde o rancor non ten quen lle escriba. Se casualmente pensas que existen os amores eternos, confesa cómo é posible. Remíteme sinais de fume, en son de paz, e cóntame o segredo. Se casualmente tes unha destas columnas recortadas, conxúrate contra o infortunio. Se casualmente resistes, non resistas máis. Triunfa, por fin.
x. c. caneiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario