martes, 13 de diciembre de 2011

CARTA AOS REIS MAGOS




Quixera que máis dun sol salise cada día
que lúas azuis envolvesen as noites.
Quixera ser braceiro dun arco de mil cores
por onde pasasen danzando as ilusións.
Quixera que escumas de esperanza bañasen a inocencia,
que un carro dourado con fitas de colores
cheo de bicos e apertas,agardase nas portas.
Quixera ver no ceo menceres de camelias,
que milleiros de árbores abrisen avenidas
por onde desfilaran exércitos de pombas.
Quixera que non se baleirasen as palabras:
amor, irmán, amigo, paz, xusticia, perdón...
Quixera un mundo de seres xenerosos,
que non faltase o pan e fogar para gardarse.
Quixera que un vento de cristal arrincase o sufrimento.
Quixera que a luz dun anxo guiara os nosos pasos
polos laberintos escuros do poema.
Quixera que a lúa mecese o tenro canto das estrelas,
e nacera o futuro nesta noite de maxia.
Ana López





2 comentarios:

  1. Bueno Ana, coma se ti foras unha escribidora de cartas profesional desas da India, encárgoche esa mesma carta para mandarlles eu,os meus desexos son os mesmos, así queparabéns por escribilos tan ben.
    Xa sabes o que pasa cos desexos se son de corazón, ás veces cúmprense...

    ResponderEliminar
  2. Quixera, miña amiga, ser quen de decirche o ben que escribes, a opotunidade das túas palabras, o que os teus versos espertan no meu corazón... E tamén quixera engadir un "Quixera" á túa carta aos Magos , ou deberia decir á túa carta máxica...?
    "Quixera ser labio cálido
    no corazón das ausencias
    e bico estremecido
    na semente da terra..."

    ResponderEliminar