Se ha producido un error en este gadget.

viernes, 25 de abril de 2014

A árbore calva.

Escoitamos xuntas a voz da primavera.

Camiñamos polo bosque facendo carreiros entre os croios e os garabullos que tapizaban o chan. As árbores gardaban silencio ao noso paso. De cando en vez engrúñaste para recoller unha póla ou unha folla desprendida da tarde que decorarán algún recuncho da casa.
De súpeto descubres algo que chama a túa atención:

- Mira avoa, unha árbore calva !

Dame mágoa explicarche que a árbore está a piques de transpasar a corrente da vida e non digo nada. Non quero que te poñas triste. Achégaste a acariciala, é costume teu agarimar as árbores, máis esta vez o aceno ten unha emoción especial. Pode que intuíras algo...

Entre brincos e risas regresamos ao fogar por pasadizos de plenitude, sentindo a vida coarse polos vértices da luz,

e entoamos unha cantiga como se fose a primeira música que ouvise a terra.


        Ana López.

2 comentarios:

  1. Un relato moi tenro, avoiña!

    ResponderEliminar
  2. Como vés a reventar de tenrura ¡¡¡¡¡¡¡

    ResponderEliminar