Se ha producido un error en este gadget.

domingo, 23 de diciembre de 2012

Rescate


 "Cando todo cae, quedas ti. Toca a túa pel. Ti non es mentira..."


En ocasións non consegues resistir e saltan as bágoas, como dentes, ratas nos ollos. En ocasións sentes a soidade como serpe, enroscándose no peito, corazón arriba. Gritas «non podo máis» fronte ao espello dos días e afirmas que nada paga a pena. Equivócaste. Están os amigos que te escoitan, teléfono por medio ou cara a cara: sempre hai alguén a quen abrazar. Os que afirman que non tires a toalla. Os que len as palabras que mandas envoltas en papel celofán electrónico, SOS en código morse: rescátame. Están as gotas de chuvia que acariñan o teu rostro de inverno. Están as cousas que nunca mancan: os libros imprescindibles, os versos de amor, as noites de azucre que recordas con imprudencia. Está o sol que non logras ver, pero está: ¡está! Grito para que me escoites máis alá dos quilómetros e das horas. Cando todo cae, quedas ti. Toca a túa pel. Ti non es mentira. Ti e todo o que amas: a única verdade que podes proclamar sen temor. Proclama, pois, a túa verdade. Os ollos de luz que pasean mentres o café escribe letras de quimera. Cando non queda nada quedas ti, coas túas virtudes e defectos, grandezas e quebrantos: tan humano e indefenso. Mírate ao espello e abrázate. Neste mundo onde os hipócritas son batallón, neste tempo de descrédito dos salvadores, debes saber que tamén son batallón os xenerosos, solidarios, desprendidos, desinteresados e espléndidos. Vivir para os outros é o modo máis fértil de vivir. Se vives para algo máis que para ti mesmo, comprenderás que non precisas ningún rescate. Ti non es náufrago. Os náufragos auténticos son eses, e hai moitos, que non teñen a quen abrazar.

Artigo de Xosé Carlos Caneiro publicado na Voz de Galicia                                   (Foto propia)

3 comentarios:

  1. Cando pensas que escribir pódense converter nunha cousa frívola, estes artigos de Xosé Carlos Caneiro FALAN e CONFORTAN.

    ResponderEliminar
  2. Si, por favor, segue a darnos o drisfute da súa lectura.

    ResponderEliminar
  3. Eu identificome con case todo o que escribe ( sempre que non sexan artigos politicos, ai xa non coincido tanto) ata tal punto que sinto como se estivera expresando o que eu penso

    ResponderEliminar