Se ha producido un error en este gadget.

miércoles, 19 de diciembre de 2012

Conto de Nadal

Saíra coa última estrela da tarde, na procura dunha lúa preñada de soños.
O vento esgazara as últimas nubes do día e quedaron penduradas da noite.
Desapareceu o camiño.
Non se oían os chios dos paxaros.
Por cumes e vales andivo perdido algún tempo perseguindo lúas gordas e estrelas despistadas.
Cada día era máis dificil volver a ilusionarse; era como se a desesperanza se acubillase na parte traseira do corazón.
Á luz non lle foi doado convencer ás nubes de que se desprendesen da noite, e se convertesen nesa auga morna e salgada que lava as impurezas das entrañas e arrastra a decepción.
Ó cabo, despuntou un ceo azul que debuxou de novo o camiño. Os pés fixeron remuíños no pó, e as mans apartaron as pólas das árbores que lle batían nos ollos.
Recoñeceu a paisaxe.
Estaba preto.
Apurou o paso.
Ata el chegaban as amadísimas voces dos seus, e o lume do fogar espertaba a súa pel.
Cando entrou na cociña ninguén lle preguntou nada, os bicos e as apertas substituiron as palabras.
Fóra, a lúa agardaba. Facíalle acenos na ventá. Ninguén a miraba. Decatouse de que non voltaría a buscala...
A estrela do Nadal era quen o abrazaba.

Ana López.

1 comentario:

  1. Entrañable e poético conto. Estás a superarte a ti mesma...FERMOSÍSIMO!!!!

    Sabes...? Non importa que haxa ou non estrela de Nadal mentres os brazos da nosa xente nos agarimen o corazón.

    ResponderEliminar