Se ha producido un error en este gadget.

viernes, 27 de abril de 2012

Un artigo de Xosé Carlos Caneiro

"Os abrazos que non pides... A música que te acompaña mentres paseas..."

Necesitas

O solpor na Fisterra. A chuvia que bica, suave, os poros da terra. O recendo da herba neste abril de Galicia, ledicia. O sorriso dun neno que aínda non aprendeu a falar. As lágrimas dun neno que pide alimento, sustento. As boas noticias que agardan, pero chegarán. O bico de dous namorados que non falan de crise nin de mercados, nin de política, nin de partidos: xogan a partida da súa vida xurándose amor eterno e pintando de cores, no corazón do parque, os ollos dos transeúntes que os miran e admiran. A adolescencia, ese estado de ánimo do que non debes saír: expectante, inxenuo, vigoroso. Os poemas de Celso Emilio, que era poeta social cando a poesía social era poesía, non consigna nin lema nin cartel electoral. As razóns para vivir que nos regala o sol, cando nace no Leste, día por día. Os abrazos que non pides e chegan sen remite á mesa de traballo dos teus dedos. As cousas que quedan por facer. A axenda na que escribes palabras lindas: nordés, burbulla, bolboreta, cenoria, trigo. A música que te acompaña mentres paseas. As palabras da tribo, que non pertencen aos dicionarios, nin ás autoridades académicas, senón ao pobo que as usa e cría e levanta e non vulnera. O amor, que pinta de azul o gris dos días. O desamor, que nos recorda que somos humanos, e que perdemos. A literatura, a que leo, que me trae o alento que preciso para non claudicar diante da ditadura do ocio. Os poemas de Rosalía, porque tantas bágoas sementaron o azafrán do futuro, flor a flor. A rebeldía. O gozo de non ser correcto. Un brinde pola vida. Uns amigos que non falten. Un soño. Mil soños. Un millón de soños. Necesitas.                                                                                            

2 comentarios:

  1. UN BRINDE POLA LEDICIA DO QUE NON NOS PODEN RECORTAR: A palabra, a ilusión, a música, o amor......

    ResponderEliminar
  2. Brindo contigo por iso amiga...
    Por que nunca nos recorten a amizade, o riso, os soños, as lembranzas, o amencer dun novo día, os bicos, as mans que nos agariman, a claridade da primavera, a dozura dos solpores...
    Que nunca nos recorten o po dourado das ás...

    ResponderEliminar