jueves, 26 de junio de 2014

Amei a mar de Vigo.
Amei a luz que modifica a doctrina dos astros
a total curvatura que da unidade ás formas
cando a badía nace cada mañá
e ti agardabas.
Foi o móvil primeiro.
Amei o espacio único
cando decrece a chuvia pola banda da Guía
e a mar indefinida —paráfrasis celeste—-
pode entregar a luz.
Amei o reino onde as aves inician unha curva

do norde.
Amei os días indecisos. Había un río inmóvil.
Aínda ausencia implacable escribía
nunha letra miuda a nosa historia
e pechamos nun códice as derradeiras páxinas
do amor. Opera omnia.
Agora contemplamos a mar de Vigo xuntos.
Vemos caer a noite nun equilibrio ingrávido
e escoitamos a última sinfonía do crepúsculo nas avenidas
interiores dun xardín en penumbra.
Ben sei que ficarei neste sosego para sempre.
Mentres cruzamos pórticos transparentes
pontes iluminadas
espacios sucesivos
chegan coma mensaxe as horas extinguidas
no axioma da existencia.
Ben sei que ficarei neste sosego inda despois
da norte.


Luz Pozo

No hay comentarios:

Publicar un comentario