domingo, 2 de septiembre de 2012

DIGO CON

                             
                            Vivir con...

"Eu sei que só a ilusión, o horizonte, procura gozo."

Cando escribes con, escribes o contrario de contra. Vivir con significa deixarse acariñar polo outro, ou fuxir del se ignora a palabra afecto (a ruindade existe). Vivir con é necesario neste tempo en que tantos desviven por vivir contra. Pla dicía que era un contra: «Yo navego contra la corrupción de la corriente. No soy un producto de mi tiempo. Soy un producto contra mi tiempo». Hoxe, para vivir contra este tempo de malicia, é preciso abrazar aos que están contigo. Os que camiñan perto de ti. Os que non renuncian a quererte aínda que ti non te deixes. Os que aman como poden, ou saben. Os que levantan o ánimo por riba deste desánimo gris que se apoderou, como soga, do noso corazón pálido. Eu sei que só a ilusión, o horizonte, procura gozo. Somos o que vivimos, e somos tamén o que imos morrendo. A ilusión fainos vivir, non permite que a morte nos acompañe. Coñezo xente que leva a morte do brazo antes de inscribirse como cadáver, corazón pálido, no frontispicio dun cemiterio dun lugar calquera. Mortos que van vivos pola vida: viven contra e non saben vivir con. Coñezo xente que leva no rostro un cartel invisible: «Odio, intolerancia: estación de servicio». Xente que ten o sol enterrado baixo os zapatos: para pisalo. Algúns odian aos que non pensan igual, os discrepantes da corrección política, como se cada día tivesen a obriga de xurar unha bandeira sen tenrura. Eu reclamo tenrura, agora que queren despintala. Reclamo que Alí Babá roube todas as estrelas e que brillen en todas as noites, especialmente de día. Eu, que sempre fun un contra, digo con. Non renuncio, pese a todo, á esperanza.

Artigo de Xose Carlos Caneiro publicado na Voz de Galicia o 30 de agosto de 2012                                      (Foto propia)

3 comentarios:

  1. Lendo este artículo pensei que se será posible que todos nos agrisemos tanto porque non sabemos remar se non é na abundancia obscena ????? Que por suposto previamente nos ensinaron porque lles conviña e agora que nos espremen o fígado tanpouco sabemos vivir con menos ???? Será ???'
    VIVIR CON menos ambición, menos intolerancia ...
    ......CAMIÑAN AO MEU RENTE MOITOS HOMES ............A MIÑA MAN CHE DOU....

    ResponderEliminar
  2. Vou ter que ler máis a este HOME
    !Precioso.

    ResponderEliminar
  3. Gema: Eu deixara este texto gardado . Publicachesmo ti? Se non foi asi terei que empezar a crer nos demochiños ou que algo non "me rixe" ben porque eu estou segura de que onte deixeino como borrador...

    Agora comento:

    A min este artigo tamen me leva a Celso Emilio. Vivir con...Abrir os ollos para "ver" aos que camiñan ao noso rente, o corazon para sentilos e as mans para agarimalos. Eu tamen reclamo a ternura, o agarimo, a alegria, a amizade, a LIBERDADE, a esperanza, a ilusion..."Trocar contra por con" Se todos fixesemos este sinxelo cambio de preposicions a vida seria moi distinta...

    ResponderEliminar