Se ha producido un error en este gadget.

viernes, 15 de noviembre de 2013

ENERXÍA ESCURA


:: a putada da lúa::
3971137460_4da6bf5e46
-Como quere que a chamemos? Selene? Tsuki? Lúa do Castor?
- Lúa a secas está ben
- Ben, señora…
-Señorita
-Señorita Lúa
-Si
-Que facía vostede o 13 de novembro de 2002 contra as 15:00 horas?
-Non estaba
-Como que non estaba. Vostede sempre está
-Si, bueno, era mediodía… non sei, mira, estou nerviosa. Podo fumar?
- Non, non pode. Recoñece que regular as mareas é xurisprudencia súa?
- Daquela maneira. Aquel día os refachos do vento eran cousa fina
- A Rotación combinada Terra-Lúa é a que marca o patrón dos ventos. Non se estará exculpando
- Daquela a Rotación da Terra tamén debería estar sentada nesta cadeira comigo
-Non podemos imputar á Rotación da Terra. Pararíase todo. Acabaría o mundo
-Ah, pero a min si, non? A min si se me pode sentar aquí e poñerme o pé enriba. E bandeiras e de todo…
- Estabamos en que as mareas eran cousa súa e os ventos, de xeito indirecto, tamén
- Pois será. Oes, teño un ceo nocturno que atender
- Aquela mesma noite, que fixo vostede?
- Non me lembro. Non teño atmosfera. As lembranzas escápanme todas cosmos arriba
-Xa, claro. Aquí o Google Sky Map di que vostede estaba crecente…
- …en abalo
- No que queira. Vostede estaba inflándose coma un cruasán…
-Croissant
-… e na constelación de… agarde un chisco… si, Acuario
- Na constelación de Acuario. Vale, ben, vaime xulgar un tribunal de astrólogos?
- Convirá en que era un exercicio de imprudencia estar en Acuario precisamente a noite dun accidente marítimo
- Xa me dirás onde queríades que estivese. Eu fago o meu traballo na miña órbita, a vosa perspectiva do asunto tráeme ao pairo. No hemisferio sur a cousa pintaba diferente e segue a ser o mesmo planeta, ou?
-…
-Mira, teño présa, o sol directo séntame fatal, dime o que me queiras dicir e xa
- Vostede é a responsable da especial Rotación da Terra que provoca as turbulencias e os ventos de toda caste. Por se fose pouco, o Océano séguea a vostede como un can de palleiro
- Joder, non me trates de vostede, cacho hipócrita! Se me prometiches a unha moza unha noite de agosto dentro dun coche aló no Monte San Pedro…
-…e a todo iso súmase que estando vostede en corpo presente e crecente…
- e logo ben que a zoscaches, alí, no coche, e eu tiven que velo todo, teño que ver cada cousa, cada cousa…
-…durante toda a noite e as noites subseguintes até o afundimento do barco, o 19 de novembro de 2002…
- …que estades como cabras e logo a que ten unha cara oculta resulta que son eu…
-… non baixou vostede a botar unha man…
- Unha man? Pero que man? QUE MAN?
-… nin tomou as precaucións esperables nun satélite de primeira coma vostede…
- Son o único satélite que vos quedou porque ninguén quería saber nada de vós
-… tales como paralizar as mareas, deixar de rotar, remolcar o barco con toneladas de fuel até o cinto de asteroides máis próximo…
- Si, seguide espallando a merda polo sistema solar, veredes que ben vos vai ir
- … aliñarse na constelación de, poñamos, Libra, para equilibrar as cousas…
- Eu cambio de planeta
-… coa agravante de comportarse como unha voyeur da desgraza allea…
- E dálle
- … con ese sorriso de media lúa que lle sae tan ben…
- Xa mo dicía miña nai: á Terra non! Ten vida que se cre intelixente!
- Por todo o cal…
-Podo marchar? Bótanme de menos catro borrachos e mil dúascentas grávidas…
- Por todo o cal considerámola culpable do «rumbo suicida» do barco…
- Un barco lunático…
-… das olas de dez metros e os ventos impetuosos daquel día
-…
- de compoñente ninsesabe
-…
- ventos aleivosos e con saña
-…
-e culpable tamén de estar en Cuarto Crecente e non facer nada dende a súa posición privilexiada
-…
- moi culpable especialmente de brillar máis branca que nunca mentres o chapapote mataba miles de aves, peixes e moluscos
-…
- e condenada, en definitiva, a pagar os 4.328 millóns de euros de perdas ocasionadas pola catástrofe
-Como vou pagar semellante cousa? Gañaríades o xuízo pero perdestes o xuízo!
- Hai unha maneira
- Cal?
- Vostede afasta a razón de 3’8 centímetros ao ano de nós.
- Si, pero tardaría millóns de anos en…
- Ben, deixe de facelo
- Que deixe de marcharme?
- Si, deixe de separarse de nós
- Pero, non podo evitar desorbitarme, coñecer outras vidas…
- Quédese quietiña. E a débeda irase saldando co tempo
- Non, iso non!
- É a única maneira
- Eu vallo moito máis que 4.328 millóns de euros, eu non teño prezo!
- A cambio, poñerémoslle bases de estudo e antimeteoritos para que non a zosquen máis. E nomes máis bonitos para os seus cráteres, en chino, que lle parece? E unha fermosa atmosfera de celofán.
- Serei a vosa puta
- É un xeito de velo. Manoseada polos poetas xa foi abondo. Ánimo e… CULPABLE!

Estíbaliz Espinosa, 13 de novembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario