domingo, 28 de abril de 2013

NOITE DE "POLAVILA"

Na miña memoria a noite era o tempo do lecer.Un paraiso que  non tiña cores marabillosas, nin árbores exóticas, nin solpores laranxas, nin promesas de sabores exquisitos.
A noite sabía a pan de centeo, a leite morna e ulía a fume.
A electricidade non entraba nas casas, só as chamas amareliñas dos candís alumeaban.
A xente falaba arredor da lareira.
Os homes xogaban á baralla e os nenos brincaban.
No aire soaba unha radio que ninguén escoitaba inda que fose o motivo da "polavila"
A escasede levábase con dignidade e coa axuda dos veciños.
Roubábanlle ás noites un anaquiño para compartir experiencias e contos de ánimas e lobos.
Todos eran bos contadores de historias, habia quen conseguía meter o medo no corpo, sobor de todo aos nenos.
A radio seguía soando. De súpeto unha voz avisaba.
-!Escoitade canta Molina!
Todo se paraba; as voces, os fusos e as rocas, a man que ía colgar o pote na gramalleira, o home da navalla, o zumbido das moscas, os xogos dos nenos.
Ó rematar o canto as gabanzas eran unánimes.
-!Non hai outro coma el!
Despois volvia cada un ao seu: o fuso fiaba, a man colgaba o pote, un home sacáballe punta á aguillada coa navalla,reanudábanse as conversas, as moscas zumbaban e os nenos brincaban.
Entón alguén contaba un conto, e  voltaban as ánimas e os lobos...


                          Ana López.

3 comentarios:

  1. Calquera motivo vale para escribir cando hai ganasde facelo e ti, Aniña, abofe que as tes e saenche uns relatos preciosose que a min i sempre me levan da man a tempos que viven soterrados nalgures....

    ResponderEliminar
  2. Disculpa polos erros na escrita do comentario. Este trebello " manexame"

    ResponderEliminar
  3. Lembranzas dunha mestra rural.
    Grazas polo comentario, con lectoras coma ti calquera non se anima!

    ResponderEliminar