sábado, 6 de abril de 2013

Animación á escritura

                               A peixeira

Meu pai era mariñeiro, saía ao mar pola noite e voltaba ao mencer. Tiña un barco branco e azul e na proa con letras ben grandes e vermellas o meu nome: Serea.
Cando voltaba do mar miña nai e máis eu iamos esperalo ao peirao, non me importaba madrugar, recibir a primeira aperta do pai, e aquela mirada cómplice dos dous , compensábame as horas que lle quitaba ao sono.
Despois empezaba o trafego das cestas e dos peixes. Esta imaxe, e o olor o salitre permanecen na miña memoria como o paraíso perdido da nenez.
Eran outros tempos, as lonxas eran un negocio próximo e familiar.Os homes falaban e rían, comentaban a singradura, as mulleres metían o peixe nas cestas para levalas ó mercado.
Cando miña nai se erguia coa súa cesta de peixes, e poñia o rodelo na cabeza  como unha coroa, parecíame unha deusa do mar forte e fermosa.
Un día nembargantes algo trocou no meu maxín, xa non disfrutaba daqueles momentos, desexaba poder ir eu ao mar,e que fose ela tamen...Agora penso que puido ser a miña primeira reinvidicación como muller. Vin o seu rostro cuberto de escamas, como o ventre dun xigantesco ollomol que me miraba fachendoso enriba da cesta.
Non sei se foron os ciumes ou a envexa o que puido conmigo; ou as duas cousas.Ou quizais fose a febre...
Antes de me quedar durmida escoitei como nun soño as súas palabras:
-!Pero meu ben, si inda teño as mans para levarte no colo!
Ó espertar sentin os seus aloumiños ,no seu cabelo non habia escamas  só os raios do sol, e nos ollos grandes e azuis moitisimo amor.
O mar xa estaba ao meu carón!

Ana López.

A


       

        

1 comentario:

  1. Fermoso conto que coma sempre leva mensaxe implícita.
    E... Premio por ser a mais aplicada.

    ResponderEliminar