miércoles, 11 de septiembre de 2013

A tenrura


"...e buscaba poemas no fondo dos vasos" 
                                                                                             
Que fixemos con ela. Cada vez que disparamos contra a tenrura, queimamos o horizonte, ou sexa, o que quede por vivir. Dinamita cando non queda tenrura. Gas. Mísil. Cada vez que o mundo está en conflito (ese eufemismo que oculta a palabra odio) eu pregúntome onde quedou a tenrura. Pasamos media vida procurando unha pel suave que toque, piano, as teclas que trenzan o interior. Coñezo a tenrura. Vivín sen ela algunha vez. Extravíabame sonámbulo e buscaba poemas no fondo dos vasos. Algunha vez encontreinos. Non sempre. Outras veces perdíame nos acentos do mencer e tirábame a un precipicio (quen non cae nos abismos nunca gozará as alturas). Coleccionei precipicios como cromos de futbolistas, de neno, cando a felicidade non era unha pregunta. Por todo isto, por tantos precipicios, teño autoridade para falar da tenrura. No castelo de Monterrei vin como chegaba de noite, camiño a ningunha parte, cabalgando sobre o lombo dun cabalo sen nome. Abrazoume moitas veces. Por ela estou vivo. Recordo aquelas noites e recordo tamén a tenrura. En realidade nada me define (nos define) máis que a tenrura. Non coñezo ningún canalla que fale da tenrura ou que a practique. Nos noticiarios estes días non habita a tenrura. En Siria está pisoteada. Un procura perlas de afecto entre tanto espanto e queda perdido nun verso, pouso de café, contemplando o invisible: o tempo, ou a esperanza. Os que negan a esperanza están negándonos a tenrura. Quero dicir que sen tenrura un non pode vivir. Un futuro sen futuro. Cada vez que penso neste mundo de mentira (o Nobel da Paz guerreando) sei que só nos queda a tenrura.


Publicado por X. Carlos Caneiro na Voz de Galicia. (Foto propia)

6 comentarios:

  1. Que ben, atopar xente así aínda que sexa excepcional cando debería ser nornal....
    Eu persoalmente téñoo máis doado, ademais da que teña de meu, dos meus, teño os animaliños que nunca fallan...

    ResponderEliminar
  2. Pois tes moita sorte. A tenrura bica, acariña, pon veludo na pel, redime a tristeza e pon as no corazon y eu penso que cada vez andamos mais escasos deste ben tan prezado... Se exportaramos tenrura no canto de armas....

    ResponderEliminar
  3. Teño que facermo mirar !Por que me mosquea este tipo?

    ResponderEliminar
  4. Eu si que me teño que facer mirar, acabo de me decatar que escribin un y no comentario ou sera este trebello que me traizoa...?

    ResponderEliminar
  5. Tí non tes nada que te mirar son cosas desta "loba", vou tentar de explicarme:
    O artigo é precioso, e o que dí perfecto, quizais demasiado, ultimamente da a impresión de que é un "hombre sin grietas " os seus artigos teñen certo "tufillo" como os libros de autoaxuda ou así... non sei...
    Non me fagas moito caso o rapaz escribe cousas moi atinadas, tal vez pecan como de "argumentario" pero cada un ten o seu Non si ?

    ResponderEliminar
  6. Ti non es ningunha "loba". Como se che ocorre dicir iso? Cada quen ten as suas opinions sobre as cousas, que non teñen porque ser coincidentes coas dos outros. E normal e moi respetable, asi que, por esa banda, ti non tes que facerte mirar nada. Tes os miolos en moi bo estado.

    ResponderEliminar