"Os abrazos que non pides... A música que te acompaña mentres paseas..."
Necesitas
O solpor na Fisterra. A chuvia que bica, suave, os poros da terra. O recendo da herba neste abril de Galicia, ledicia. O sorriso dun neno que aínda non aprendeu a falar. As lágrimas dun neno que pide alimento, sustento. As boas noticias que agardan, pero chegarán. O bico de dous namorados que non falan de crise nin de mercados, nin de política, nin de partidos: xogan a partida da súa vida xurándose amor eterno e pintando de cores, no corazón do parque, os ollos dos transeúntes que os miran e admiran. A adolescencia, ese estado de ánimo do que non debes saír: expectante, inxenuo, vigoroso. Os poemas de Celso Emilio, que era poeta social cando a poesía social era poesía, non consigna nin lema nin cartel electoral. As razóns para vivir que nos regala o sol, cando nace no Leste, día por día. Os abrazos que non pides e chegan sen remite á mesa de traballo dos teus dedos. As cousas que quedan por facer. A axenda na que escribes palabras lindas: nordés, burbulla, bolboreta, cenoria, trigo. A música que te acompaña mentres paseas. As palabras da tribo, que non pertencen aos dicionarios, nin ás autoridades académicas, senón ao pobo que as usa e cría e levanta e non vulnera. O amor, que pinta de azul o gris dos días. O desamor, que nos recorda que somos humanos, e que perdemos. A literatura, a que leo, que me trae o alento que preciso para non claudicar diante da ditadura do ocio. Os poemas de Rosalía, porque tantas bágoas sementaron o azafrán do futuro, flor a flor. A rebeldía. O gozo de non ser correcto. Un brinde pola vida. Uns amigos que non falten. Un soño. Mil soños. Un millón de soños. Necesitas.
UN BRINDE POLA LEDICIA DO QUE NON NOS PODEN RECORTAR: A palabra, a ilusión, a música, o amor......
ResponderEliminarBrindo contigo por iso amiga...
ResponderEliminarPor que nunca nos recorten a amizade, o riso, os soños, as lembranzas, o amencer dun novo día, os bicos, as mans que nos agariman, a claridade da primavera, a dozura dos solpores...
Que nunca nos recorten o po dourado das ás...