jueves, 31 de octubre de 2013

Regreso

Regreso tantas veces
a esa casa da nenez onde a vida se asenta
buscando o agarimo do seu colo,
esperando encontrar
"as bonecas, os aros e as pelotas"
que xogaban ás agachadas coa pobreza.
Só me esperan os xoguetes rotos
e un silencio que doe.
Non hai abrazos na porta
nin se amasan bicos na cociña.
Todo é silencio no patio do lecer,
falta o balbordo das risas e das rifas
ás carreiras.
Pero eu quero volver
á primeira e última casa que vai saber de min;
á que choro sen bagoas
á que sinto na pel
á que escoito nos soños
e quero comprender.
Quero vestir o traxe dos domingos
e camiñar da súa man as empedradas rúas,
quero poder abrazar e contar tantas cousas !
antes de que me perda definitivamente
no bosque das sombras.

                   Ana López.

1 comentario:

  1. Como tantas veces os teus poemas coinciden con sentementos que gardo no meu interior. De feito , eu de cando en vez "regreso"ás casas que habitei: ás que acolleron a miña infancia, á que acubillou o amor... ( e teño poemas que falan dese sentemento) A nostalxia do que fomos, do que foron... pon calor no corazón e unha dor morna no sangue...

    ResponderEliminar