sábado, 17 de noviembre de 2012

REISEÑORES

Os reiseñores non viven no bosque,
non buscan gallas para facer niños,
nin elevan o canto sobre cumes azuis,
nin buscan abrigo na ramaxe.

Habitan nos suburbios, en casas de ladrillo,
erguen a súa melodía monocorde na friaxe do asfalto,
levan o soño do amor no corazón,
e anuncian, como sempre, a primavera.

O seu canto é un mencer preñado de luz
nas fráxiles follas do futuro.

Creron as cancións de vellos reiseñores
escritas en partituras de promesas,
hoxe cinza atrapadas na espesura dun mal soño.

Deixádeos cantar;
escoitade esa estrofa entumecida de medo
por onde brota a fonte da esperanza.

Deixádeos voar;
presos, afogan o seu canto para sempre,
voarán coas ás caídas, escondidos no silenzo.

Trabucáronse;
saíron có sol da invernía pensando que era primavera,
e caeron abatidos na rúa das estrelas.

Os que por alí pasaban recolleron, nun xesto solidario,
o canto.

Ana López.

3 comentarios:

  1. Que canten os reiseñores ata apagar as bombas
    de oprimidos que oprimen.

    ResponderEliminar
  2. Que para sempre nos quede o seu canto no medio da tolemia do mundo.

    ResponderEliminar