"...é unha boca que ignora o licor que se agacha na palabra bico" |
É a desolación, non saber onde ir, a melancolía con balas, as balas da miseria. O medo é recoñecer que este mundo escapóusenos das mans, que os ricos son máis ricos e os pobres máis pobres cada vez. O medo é sentirse só en medio da Nada, gritar e que ninguén escoite, amar e que ninguén poida amarte a ti. O medo é levantarte coa boca seca de tristeza, os ollos húmidos, as cancións sen letras e os ríos con auga de lodo e porquería. O medo é a enfermidade, un cuarto que nunca mira o mar, un diagnóstico precoz de desgana. O medo é a palabrería que non soluciona, a política que mira a todas partes menos a si mesma (para rexenerarse): este sistema, tan corrupto e voraz, que ninguén cambia. O medo son unhas mans que non saben acariciar, unha boca que ignora o licor que se agacha na palabra bico, os que empregan a lingua só para maldicir e malferir e malandar. O medo é esperar a apocalipse sen facer nada, sentado, agardando a bomba áspera que nos arranque os verbos fundamentais: sentir vivir amar gozar. O medo é non abrazar aos que te abrazan. O medo é perder as ganas de ganar. Coñezo xente que se levanta co medo agarrado á súa pel cada día ignorando que o medo é invisible. Xente que acende a radio por costume e por costume fai o amor, come, dorme, pasea deportivamente, ou agarda a navalla da morte. O medo afoga sen sabelo e sen poder evitalo. O medo é soñar con el, ela, espertar e saber que marchou por sempre. Proclamo este xoves unha barricada contra o medo e todos os infernos. Reclamo o sol na fin de novembro. Para que vivas sintas ames goces. E venceremos o medo. Definitivamente.
Artigo publicado por Xosé Carlos Caneiro na Voz de Galicia (Foto propia)
!XENIAL!
ResponderEliminarQue medo dá o medo ¡¡¡¡¡¡
ResponderEliminarEstamos na guerra do Medo: Ás barricadas¡¡¡¡¡
Eu quedo coas últimas palabras deste artigo: "Reclamo o sol na fin de novembro. Para que vivas sintas ames goces. E venceremos o medo. Definitivamente"
ResponderEliminarQue son unha utopía? Vale. Pero que sería de nós sen a esperanza que nos emprestan as utopías e a forza que nos dan para resistir...?