O vello Yusuf encerra o gando na corraliza e senta nunha rocha onde parece que comeza o deserto, pero mira máis aló, cara ao mar que hai despois de tanta area. O mar por cuxa beira, nunha ocasión, paseou da man do seu pai mentres os homes lanzaban as redes ao voo. O mar ao que se asomaba nos ollos de Bahr, a súa muller.
Fai moito, alguén lle leu no xornal que o deserto, antes, tamén fora mar. Iso Yusuf xa o sabía: a miúdo, atopara conchas e peixes de pedra na beira do deserto, peixes antigos dun mar antigo, peixes secos como o que levaba de amuleto. Yusuf acariñou o peixe de pedra, quedouse en branco por un instante e despois descubriu, coa sorpresa de quen mira algo coma se fose a primeira vez, que el non era un home de area, senón un home de mar, un náufrago entre dunas que, agora non recordaba a razón? renunciara a regresar ao mar. Yusuf ergueuse da rocha, liberou aos seus animais e comezou a andar cara ao mar, deixando que a escuma do deserto lle empapase as pernas. Desde a beira, as cabras mirábano inquedas. Quizais elas tamén acababan de descubrir que non eran cabras, senón cabaliños de mar.
F. Vicente
|
PATIO DE RECREO É UN LUGAR PARA XOGAR COA LINGUA NO MÁIS AMPLO SENTIDO DA PALABRA ...... E A LINGUA GALEGA É A MÁIS AXEITADA PARA ESES MESTERES ¡¡¡¡¡¡¡¡
martes, 20 de agosto de 2013
MINI
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario