sábado, 31 de agosto de 2013

AGOSTO COMA ESTE, CUN SUBMARIÑO NUCLEAR NO NARIZ

9 votos
Era un agosto coma este e foi só un intre. Tremeron os cristais. Movéronse as flores dos xeranios. A roupa bailou nos tendais. Só me deu tempo a correr axiña cara ao balcón e, coa Nancy aínda nunha man e o peite na outra, vin pasar o avión de guerra. Na memoria, sinto na cara o vento que deixan as cousas que pasan a toda velocidade e no oído o fungar da fractura da barreira do son. A primeira guerra do Golfo, que foi tamén a primeira guerra que eu vin cun certo uso de razón, chegou e marchou así daquela terraza doutrora, ateigada entre os xeranios da miña nai e os xoguetes meus. Nunca máis se me foi da memoria, e algunhas veces aínda soño con aquel avión de guerra a pasar coma un fantasma, sobrevoándome e ameazándome con facerme saír morta na tele a diario. Nesas noites nas que aínda soño co avión de guerra, recupero unha sensación estraña e distante, unha sorte de medo amolecido polo tempo, seguramente o que sentín asomada á terraza sen saber se aquel avión era dos bos ou dos malos, dos nosos ou dos outros, se só pasaba por alí, se se perdera, ou se ía atacar o meu pequeno mundo de xeranios, tendais e bonecas.
Sempre que vai comezar unha guerra, vólveme ese medo do avión co que aínda soño ás veces. Cando me anuncian unha guerra, sigo sen entender nada en absoluto, coma cando xogaba na terraza e xa intuía que saber de bos e malos nesta historia non debía de ser tan fácil coma nas películas. Cando se reúne a Comisión de Seguridade de Nacións Unidas, non podo tirar da cabeza unha imaxe de bonecas decapitadas, roupa esfarrapada e flores de xeranio esmagadas polo chan, entre charcos de sangue.

No hay comentarios:

Publicar un comentario