lunes, 28 de enero de 2013

TORRE DE HÉRCULES

Son amiga do mar.
Vémonos tódolos días e falámonos coa mirada. Sei que pasou unha boa noite cando as ondas chegan dende o colo da lúa ate as mans do sol.
Ás veces as ondas nacen no ventre da noite e agostan as praias.
Hoxe o bruído do vento leva o pranto das ánimas, buscan acougo nas follas engurradas dun tempo anegado.
Son palabras que o vento rexeita e non encontran pousada. Palabras que non "leva o vento" e percorren as ribeiras como a Santa Compaña; son esas palabras que se agochan nos xuncos e  saen pola noite a buscar ó que as deixou abandoadas.

O mar asolagou o sol da tarde
e as ondas levaron ás rochas
as palabras que o vento rexeitaba;
areas dunha praia que percorre a inquedanza.


Ana López.

2 comentarios:

  1. Eu tamén son máis que amiga, amante, do mar. Cada mañá é o primeiro que miro ao me erguer ...

    ResponderEliminar
  2. Fermoso texto cuio contido comparto. Os teus escritos semellan a voz do meu interior.

    ResponderEliminar