sábado, 5 de enero de 2013

Carta aos Reis Magos


        "Contrigo"

"Regálanos entusiasmo...  Un amigo, unha amiga (polo menos)"

Baltasar, rei negro, quítanos tanta mediocridade e regálanos luz e luces, pombas e trigo. As sonatas para violín e piano que escribiu Mozart, xenio, díscolo, prófugo de todas as correccións imposicións satrapías e intolerancias. Melchor, rei de prata, danos alento cando o alento se precipite en nada. E ti, Gaspar, tráenos o gozo de vivir cando o gozo de vivir desapareza. Regálanos, rei de todos os reis, o sosego. Regálanos un horizonte, quero dicir unha ilusión que nos mova. Quítanos da boca o limón agrio, vinagre dos días, devólvenos a inocencia que o presente roubou. Limita a estupidez, ese andazo sen remedio. Eleva aos que non souberon elevarse. Reduce aos que reduciron aos outros. Danos honestidade, rectitude e dignidade, para desprezar os miserables e os que se pudren na súa miseria. Regálanos un «quitapenas». Non esquezas o Scalextric que pedín hai tantos anos (e sigo esperando). Esperanza, digo, que non falte. O tren da bruxa para subir con ela, con el, e deter con bicos a escuridade. Desexo afán apetito. Regálanos aspiracións que non rimen só con poder, fama ou dividendo. Turrón de chocolate cando o turrón non repouse nos escaparates. Pinturas de amor e non de guerra. Regálanos entusiasmo. Unha emoción que rabuñe a nosa pel. Uns ollos aos que mirar para revivir día por día, proclamando: ámote. Uns dedos que meter na boca, e lamber, e que o seu sabor sexa de azucre e papaia. Un amigo, unha amiga (polo menos). Regálanos afectos. Alegría e canción. Alguén que nos sosteña: poder pechar os ollos e caer. Regálanos, rei mago, vida para vivir. Para vivir: con ela, con el, contrigo.


Artigo publicado na Voz de Galicia por Xosé Carlos Caneiro                                   (Foto propia)

3 comentarios:

  1. ¿Estou a tempo de asinar esta carta?
    !Pidome o mesmo!
    HONESTIDADE, RECTITUDE, DIGNIDADE,AFECTO E TRIGO!
    !AH;e SAÚDE para poder compartilo.
    Bueno, monarquica non son pero supoño que non mo teredes en conta hoxe os reis estan moi devaluados.

    ResponderEliminar
  2. Mira -conchi, hai que presionalos que senón, non deixan nada...

    ResponderEliminar
  3. Eu creo que desta volta non precisarán demasiada presión para deixar moito carbón. O carbón de máis recortes, mais inxustizas, máis corrupción, máis pobreza e menos esperanza. Sinto non ser máis optimista, eu que sempre estou disposta a defender utopías, a pintar o corazón de verde cando atopo artigos coma este. Pero é que acabo de ler os xornais...E ese é sempre un momento dificil de dixerir... É unha negrura espesa capaz de ocultar o sol do máis fermoso día.

    ResponderEliminar