jueves, 31 de enero de 2013

BALADA DOS TRES CORAZÓNS

A choiva marcaba os compases,
os paxaros cantaban as notas de cristal
escritas na branca partitura da mañá
para tres corazóns e sete guitarras.

Os pasos camiñaban polo medo
levaban o son grave da pena
e o agudo asubio da desesperación
para tres corazóns e sete guitarras.

Tiñan na pel o sinal da derrota
o aceiro da vida cravado no peito
os ollos escribian a letra da loucura
para tres corazóns e sete guitarras.

Querian facer da realidade unha balada
que beliscase as cordas do destino,
pero as mans non afinaron ben as notas
para tres corazóns e sete guitarras.

Son persoas que nega a economía,
corre a policia, e dalle as costas a xustiza,
que só respetan aos que rouban melodías
para tres corazóns e sete guitarras.

As sereas romperon o silencio
e na pausa irrumpeu a conciencia
no último movemento berraron !perdón!
para tres corazóns e sete guitarras.

Os soños despedironse
cun portazo camiño da cadea.
Non estaran vencidos se os beizos gardan o canto
e o corazón un acorde de guitarra.

Ana López.

2 comentarios:

  1. Paréceme unha pasada de poema, Ana, parabéns¡¡¡¡

    ResponderEliminar
  2. Eu quedo sen palabras ante este poema... parabéns POETA!!!!

    ResponderEliminar