Era un deses días nos que os ósos, como diría un moderno, non fan boa maridaxe coa cama, por eso non me quedou máis remedio que erguerme a unha hora na que a lúa aínda andaba enredando coa noite.
Onte fora votar, nunca deixara de facelo. Cando era novo contábame unha amiga que tiña os pais emigrados en Francia que alí se facía, e que nos despreciaban un chisco por termar dun dictador. Daquela había outro mundo máis alá dos Pirineos. Por iso en canto se arranxaron as cousas e os que mandaban acordaron que votar era bo, alá que nos fumos todos fachendosos.
Malia dor, hoxe erguérame de bo humor. Antes de que Pedro Chosco me visitase pola noite e me trouxese un profundo sono, escoitara pola radio que o meu voto servía para soster un soño. Afeito a perder, aquelo parecíame un triunfo moi importante.
Como todos os días entrei na cociña engruñado pero sabía que ao pouco tempo o esquelete se ía poñer dereito e !como novo !
Puxen a cafetera e acendin o televexo por ter algo de compaña. Dende que o fillo se me foi a Alemania preciso o son dalgunha voz aínda que sexa nunha caixa.
Aquel home parecía algo contrariado e botaba para fora. Víase seguro do que dicía, turraba nunha palabra para falar de min e de outros moitos : frikis. Parecía anoxado porque de cando en vez a cidade se ateigaba de xente coma nós.
Quedei tan inquedo que decidin buscar a palabra na internet. Toda a vida á procura da miña identidade e o tipo aquel xa tiña a resposta !velaí que ben!
Os sigficados da palabra eran :extravagante, estraño, estrafalario, que quere chamar a atención e !fanático!
O de fanático si que me ofendeu. Teño as miñas cousas dende logo, pero nunca me gustou chamar a atención, nin impoñer o meu criterio a ninguén.
Con moitísimo repecto meu señor; !NON !
De seguro que o seu foi unha arroutada, as veces pasa...
Ana López.
No hay comentarios:
Publicar un comentario