viernes, 2 de mayo de 2014

En maio

"A tristeza deita sangue..."

En maio os peitos da luz
amamantan os días
que medraron baixo as chuvias de abril
e os ventos de marzo.

En maio as mágoas átanse á cor das flores
e mídense en magnitudes  de transparencia.

Agora teño o corazón
enchoupado en melancolías vermellas.
Cósenme as pálpebras bágoas amarelas,
dores  azuis róenme   os adentros,
mastigo angustias alaranxadas,
supuran os labios ausencias violáceas
e soidades brancas cólanse entre os dedos.

En maio penduro os abrigos nunha percha,
gardo nunha gabeta  os xerseis do inverno.
Saco as cores do armario para adobiar as penas
e camiño polas rúas, anémica de escuridades...


A tristeza deita sangue na inercia celeste da tarde. 
                                 
                                                                                                      (Foto propia)

4 comentarios:

  1. !DEIXA SAÍR MÁIS VERSOS COMA ESTES , SÁCALLES O ABRIGO QUE XA É PRIMAVERA !

    Poño maiúsculas para ser máis convincente.

    ResponderEliminar
  2. Ti es sempre moi convincente Aniña . O que pasa é que a min cóstame sacar o abrigo aos meus versos. Están tan agustiño na súa carpetiña que non queren sair...

    ResponderEliminar
  3. Por deus, Conchi, non nos prives dos teus poemas porque son preciosos ¡¡¡¡¡¡

    ResponderEliminar
  4. Que ben que che comenten os poemas as amigas... Sodes tan xenerosas.... Procurarei airear os meus versos un pouco máis, aínda que só sexa para que me digades esas cousa tan fermosas... Grazas.

    ResponderEliminar