Cando fendeu a campá
grande, a Maior, soaba coma unha lata valeira, non abría a tronada.
Houbo que pedir por toda a parroquia para fundila de novo.
Daquela non había
subvención nin nada diso, as cousas eran máis sinxela e ninguén
protestaba.
Eu misma fun un día cabo
do alcalde, D. Angel que estaba na súa cantina e non cobraba polo
cargo , díxenlle que era a filla do xastre, como tiñamos unha casa
moi pequena e a terra de arredor era toda municipal, que precisabamos
unha habitación máis, solicitaballe permiso para construila.
Díxome que chamaramos o
albanel e adiante. Así, sen máis. Hoxe sería prevaricación ou
algo así, non?
Por certo, ao meu pai
gustábanlle moito as rosas, era un home delicado, e plantou unhas
roseiras pegadiñas á casa (terreo municipal). Son rosas vermellas cunha fragancia que
non atopei en ningunha outra parte. Ólenme a meu pai.
Chegou unha alcaldesa
nova, por certo amiga de meu, e díxolle que tiña que arrincar todas
as roseiras, foi coma se lle mandaran arrincar todos os dentes pero
obedeceu non sen tomar precaucións: colleu un pé da preferida e
trouxoma para que eu a plantara e a conservara.
E planteina e consérvoa
coma un legado sagrado. Hoxe, dous capullos granate están diante da
furna das súas cinzas e ólenme a el.
No hay comentarios:
Publicar un comentario