domingo, 2 de septiembre de 2012

UN FANTASMA

  
"Busco entre as miñas sombras para encontrarme...?"
 

Precisamos fantasmas. Que aparezan de súpeto nunha rúa calquera de agosto. Que miren como antes miraban, distantes, sen poder vislumbrar nin sequera a cor dos seus ollos. Fantasmas que emocionen, agora que a realidade está tan patas arriba, tan funesta, tan peor. Eu quedei sen fantasmas cando deixei de escribir con espartana e estúpida disciplina (¿para que?). Levo unha vida tan apegada á actualidade que incluso escribir de política parece divertido. Pero os escritores, aínda que non escribamos, non deixamos de ser o que somos. Política e literatura son contrarios. A literatura está feita para soñar; a política, ultimamente, constrúese derrubando soños. Lembro os meus fantasmas de antes. Paseaba con eles baixo a pálida luz dos farois. Pensaba que paseaba, iluso, baixo os pés da lúa. Contáballe os meus fracasos, escribíalles poemas de amor e algunha noite, agarrado á decepción, abrazábame a eles para salvarme. Non me salvei. Estou tan perdido como todos os que len esta columna. Busco entre as miñas sombras para encontrarme? e só encontro restos. A felicidade é un recanto do pasado, dicía Proust: non coñezo unha forma máis cruel da desesperanza. O presente é unha elexía. Unha sinfonía escura de demagogos, intolerantes, magos sen maxia, artistas sen arte, borrachos de divisas primas bonos («bonos basura»: qué expresión tan lúcida para o presente). Digo que precisamos que xire a vida 360 graos. Volver ao mesmo lugar (edén), ese espazo onde somos o único que en verdade somos. Eu sigo sendo escritor. Sigo vendo fantasmas. Ver, sentir, abrazar un fantasma. É un remedio contra a tristeza.

Artigo de Xose Carlos Caneiro publicado no xornal A Voz de Galicia o 16 de agosto de 2012                          (Foto propia)

3 comentarios:

  1. ¿ E se se ergueran todos os soños do mundo nun esremecedor berro de xustiza? Non só estan a derrubar os soños, estan a derrubar o home con total impunidade.

    ResponderEliminar
  2. Penso que o edén, se poideran, desafiuzaríanolo coma as casa, pero está dentro de cada un e aí, se non queremos, non chegan.
    O que está da pel para dentro é todo meu.

    ResponderEliminar
  3. Pero en tal caso o eden que vive dentro de cada un de nos esta sempre en loita co inferno de fora "O inferno son os outros" decia Sartre.
    Teriamos que erguernos todos contra as tremendas inxustizas que estamos a vivir, pero como facer que todas as mans se xunten...? E seria isto capaz de facer xirar o mundo 360 graos...?

    ResponderEliminar