Non se pode calar,
mentres haxa unha árbore que se derrube
no lombo dun sen-teito,
cando era o seu último refuxio.
Non se pode calar,
mentres un home sen futuro sexa culpable
de buscar abeiro no refugo dun coche.
Non se pode calar,
mentres camiñen retortas as verdades
por vieiros culpables,
trabucando enderezos.
Non se pode calar,
mentres a auga nos chegue ao pescozo,
e nos fagan tragar rodas de muíño.
Non se pode calar,
mentres sigan as ilusións pechadas
nos arcóns dos intocables,
e a luz non esperte as ruínas da conciencia.
Non se pode calar;
un poema non se desliza no silenzo.
Ana López.
Poesía valente e reivindicativa Ana .
ResponderEliminarNon calemos , que as nosas voces enchan as rúas e preñen o vento de " luces que esperten as ruinas das conciencias"