MENTRES AGROMAN LIRIOS
A verdadeira dor non fai ruído
nin ergue torres de ámbar enloitado,
nin plano de saqueo,
nin obriga a cubrirnos a cabeza
coma os nenos nas tardes de tormenta.
Pero é un poderío,
é un oficio de contrarios
e leva dentro a nosa criatura:
nenos retrospectivos,
unha misericordia devastada,
unha infección que morde
e anula o patrimonio.
Non fai ruído pero esgaza en vivo,
precisa un odio seco,
unha amargura cóncava,
un seme negro.
Ás veces ergue o puño do inocente,
do dono da cordura,
blasfema e racha a alba,
persuade da miseria.
Mentres, agroman lirios nazarenos
nos cómaros de maio.
Manuel Álvarez Torneiro ( Onde nunca é mañá )
Poño o poema de torneiro e atopo que coincidimos
ResponderEliminarGrazas por estes fermosos versos de Manuel Álvarez Torneiro.
ResponderEliminarÁs veces gustaríame permanecer nese lugar "onde nunca é mañá"