Que lles parece a vostedes?
14/02/2014 - Marica Campo
PARA MIN a infancia é sagrada e por iso son hipercrítica cando determinados concursos xiran arredor dela sen ter en conta o que lle cómpre. Non é a primeira vez que escribo sobre este tema porque tampouco é a primeira vez que os concursos en que participan menores asoman á pequena pantalla. O de agora chámase ‘La Voz Kids’ e ‘sucede’ en Tele5.
É moi discutíbel que os nenos e nenas deban competir. Parece que o pedagoxicamente correcto é que participen, sen máis, nos deportes ou manifestacións artísticas porque non están preparados aínda para asumiren o éxito ou o fracaso. Claro que se me poderá retrucar que moitos adultos tampouco, mais ese é problema deles.
Talvez os futuros talentos musicais teñan dereito a iren perfilando a súa carreira, a semellanza dos deportistas. Rafa Nadal empezou a competir con nove anos e aos once foi campión de España na súa categoría.
Sexa dun ou doutro xeito, o quid da cuestión se cadra está niso de «a súa categoría». Porque, igual que existe un deporte infantil, existe unha canción infantil. Porén, os nenos e nenas, os adolescentes no mellor dos casos, reproducen cancións de adultos, ás veces máis vellas que os seus avós, sen reparar nas cousas que a letra conta. Paradigma do que estou a dicir é ‘Ojos verdes’, da que teño escoitado interpretacións de neniñas sumidas no pranto, verdadeiras actrices, a laiarse da ausencia do galán que, tras visitalas na mancebía a lles pedir lume nunha clara metáfora sexual, se afastou no seu cabalo. Naturalmente que elas ignoraban o que era a mancebía e cal o lume que o usuario do prostíbulo demandaba. Desta volta, no anaco de programa que vin, unha nena de nove anos reproducía un tema de Chiquitete, ‘Esta cobardía de mi amor por ella’, ben pouco apropiado para rapaces, onde a voz poética confesa as súas fantasías.
Por que non se deseñou outro formato para este concurso? Seguramente porque o horario é de adultos e suponse que estes serán maioría entre os espectadores malia que tamén haxa criaturas que resistan até as tantas.
Non discuto que á xente cativa lle gusta meterse en roles de maiores; mais non por iso permitimos que asista ás aulas con maquillaxe ou cun paquete de tabaco na mochila, por exemplo. O criterio non pode ser o seu simple capricho. E non é censura, senón trato adecuado á idade.
Mágoa que, tendo en conta a forza da televisión, non se aproveite esta para transmitir outros contidos. Os da paixón amorosa, gratificante ou desgraciada, xa lles chegarán ao seu tempo. Claro que, se cadra, a canle que transmite este programa está a facer canteira para os folletíns dos seus estúpidos ‘reality shows’.
Posto que este é un PATIO DE RECREO, paréceme axeitado traer aquí este artículo tan lúcido de Marica Campo.
Non me parara e a pensar por que eu non soportaba ver ese programa, era intuición do que ela fixo un razonamento.
Magnifico artigo de Marica Campo e boisima idea traelo ó patio. Grazas.
ResponderEliminar